Añadir esta página a favoritos

CUENTOS CLáSICOS
CUENTO O BILLETE DO MILLóN DE LIBRAS (por Mark Twain )
Cando tiña vintesete anos fun secretario dun intermediario bolsista da minería de San Francisco e fíxenme experto en tódolos detalles da circulación bolsista. Estaba só no mundo e non contaba con nada máis que co meu talento e unha boa reputación, mais estes dous factores estaban a leva-los meus pasos polo camiño da fortuna e eu estaba satisfeito coas expectativas.

Os sábados, despois da xunta da tarde, dispoñía do meu tempo como quería e tiña o costume de investilo nun barquiño na badía. Un día arrisqueime a chegar demasiado lonxe e fun parar ó mar de fóra. Xusto cando anoitecía e a esperanza estaba case perdida de todo, recolleume un pequeno bergantín que navegaba con rumbo a Londres. Foi unha viaxe longa e axitada e fixéronme custea-la pasaxe traballando como un mariñeiro máis aínda que sen cobrar. Cando desembarquei en Londres tiña a roupa rota e luída e non levaba no peto máis que un dólar. Aquel diñeiro deume alimento e amparo durante vintecatro horas, e as seguintes vintecatro paseinas sen comida e sen abeiro.

Á mañá seguinte, ó redor das dez, indisposto e famento, andaba eu arrastrándome por Portland Place cando un neno que pasaba a remolque da súa aia botou ó foxo unha pera suculenta e grande sen tan sequera darlle unha dentada. Detívenme, como non, e fixei os meus ollos anhelosos naquela xoia terrosa. A boca fíxoseme auga e o estómago suplicaba por ela, pedíaa todo o meu ser. Pero cada vez que daba un paso para collela a mirada de alguén que pasaba detectaba o meu propósito e, naturalmente, eu endereitábame, mostrábame indiferente e finxía non ter pensado na pera para nada. E isto mesmo seguiu pasando unha e outra vez de xeito que non puiden colle-la pera. Estaba empezando a desesperarme tanto que podería aguanta-la vergoña e collela, cando detrás de min se ergueu unha fiestra e un cabaleiro me falou dende ela desta maneira:

¾ Entre vostede aquí, por favor.

Un fantástico lacaio deixoume entrar e fíxome pasar a un suntuoso cuarto onde un par de cabaleiros de idade agardaban sentados. Despacharon entón o criado e fixéronme sentar; acababan de remata-lo seu xantar e, ó ve-las súas sobras case quedei pampo. A penas fun quen de mante-la compostura ante aquela comida pero, como ninguén me invitou a probala, tiven que soporta-la miña inquietude o mellor que puiden.

Agora ben, alí ocorrera algo un chisquiño antes, algo do que eu non souben nada ata uns cantos días despois; pero, con todo, falareivos diso agora. Aqueles dous vellos irmáns tiveran unha discusión bastante acalorada había dous días e remataran por acordar resolvela mediante unha aposta, que é o modo inglés de arranxalo todo.

Acordarédesvos de que o Banco de Inglaterra emitira nunha ocasión dous billetes dun millón de libras cada un, para que se empregasen nun fin especial relacionado con algún negocio do Estado cun país estranxeiro. Por un motivo ou por outro, tan só un deles fora usado e posteriormente inutilizado, o outro aínda estaba na cámara acoirazada do Banco. Pois ben, aqueles irmáns, estando a parolar, deran en preguntarse casualmente pola sorte que podería correr un forasteiro do máis honrado e intelixente, abandonado á súa sorte en Londres, sen amigo ningún e sen máis diñeiro que aquel billete dun millón de libras, e sen forma posible de demostrar cómo este fora parar ás súas mans. O Irmán A dixo que morrería de fame, o Irmán B dixo que non. O Irmán A dixo que non o podería presentar en ningún banco nin en ningún outro sitio porque o deterían no acto. Así que seguiron discutindo ata que o Irmán B dixo que apostaría vinte mil libras a que, a pesar de todo, o home viviría trinta días á conta daquel millón e lonxe do cárcere tamén. O irmán A aceptou a aposta e o Irmán B dirixiuse ó Banco e comprou o billete, como fan os ingleses, xa vedes: con ousadía. Logo dictou unha carta que un dos seus oficinistas copiou cunha letra redonda e fermosa, e entón os dous irmáns sentaron na fiestra durante todo un día a esperar polo home adecuado ó que poder entregarlla.

Viron pasar moitas caras honradas que non eran intelixentes de abondo; moitas que eran intelixentes pero non o suficientemente honradas; moitas que compartían ámbalas dúas características, pero que os seus donos non eran pobres de abondo ou, aínda que o fosen, non eran forasteiros. Sempre había un pero, ata que aparecín eu, pois recoñeceron que cumpría os requisitos por completo; e así foi que me elixiron por unanimidade; e alí estaba eu daquela, esperando a saber por qué me chamaran. Comezaron a facerme preguntas e moi pronto se fixeron co meu relato. Dixéronme, finalmente, que lles serviría para os seus propósitos; eu respondinlles que me alegraba moitísimo e pregunteilles, ademais, de qué se trataba. Entón un deles entregoume un sobre e dixo que atoparía a explicación no seu interior. Ía abrilo pero díxome que non o fixese, que o levase para a casa, que o examinase a conciencia, e que non me precipitase nin fose imprudente. Quedei perplexo e intentei falar do asunto un pouquiño máis, pero eles non quixeron; así que despedinme dorido e ofendido por se-lo obxecto do que, polo visto, era unha especie de broma pesada, e obrigado a soportalo por non estar en circunstancias de ofenderme polas afrontas de xente rica e respectable.

Nese momento collería e comería a pera diante de todo o mundo, pero desaparecera; perdéraa con aquel asunto tan pouco propicio, e o feito de pensar nela non abrandaba o meu parecer sobre aqueles homes. Tan pronto como perdín de vista aquela casa, abrín o meu sobre e ¡vin que contiña diñeiro! Entón a miña opinión acerca daqueles dous anciáns cambiou, ¡dígovolo eu! Non perdín nin un só momento senón que metín o billete e os cartos no peto do meu chaleco e dirixinme ó restaurante económico máis próximo. Vaia, ¡e como comín! Cando por fin xa non fun quen de inxerir nada máis, saquei os meus cartos e desenvolvinos, boteilles unha ollada e case me desmaio. ¡Cinco millóns de dólares! ¡Contra! Aquilo fixo que me marease.

Debín sentar alí, atordado e pestanexando, diante do billete durante un minuto enteiro antes de ser quen de volver no meu acordo. A primeira cousa na que reparei entón foi no dono do local. Tiña os ollos postos no billete e estaba pasmado. Rezaba con toda a alma pero parecía como se non puidese mover nin man nin pé. Reaccionei nun segundo e fixen a única cousa racional que se podía facer naquel momento; deille o billete e dixen con indiferencia:

¾ Déame as voltas se fai vostede o favor.

Entón acordou e desculpouse un millar de veces por non ser capaz de cambia-lo billete, e eu, pola miña parte, non fun quen de conseguir que lle tocase. El quería miralo, quería seguilo ollando unha e outra vez; parecía como se non fose quen de velo ben de abondo para poder sacia-la sede dos seus ollos e, sen embargo, non se atrevía a tocalo, coma se fose algo demasiado sagrado para que os seres pobres e comúns o puidesen palpar. Entón díxenlle eu:

¾ Síntoo se é que hai algún inconveniente pero debo insistir; por favor cámbieo, non teño nada máis.

Pero o home dixo que non pasaba nada, que quería deixar aquela pequenez para outra ocasión. Eu contesteille que quizais non volvese por alí en moito tempo, pero el respondeu que non tiña importancia, que podía esperar e, aínda máis, que podería tomar todo o que quixese, cando me petase, e deixar corre-la conta ata que a min me apetecese. Dixo que non tiña medo de confiar nun cabaleiro tan rico coma min tan só porque tivese un carácter xovial e quixese tomarlle o pelo á xente coa miña vestimenta. Daquela entrou outro cliente e o patrón deume a entender que non deixase á vista aquela monstruosidade; logo despediume cumprimentadamente de camiño cara á porta, e eu marchei dereito cara á casa e cara a aqueles irmáns para rectifica-lo erro cometido antes de que a policía puidese encontrarme e me axudase a facelo. Estaba bastante nervioso a dicir verdade; moi, pero que moi asustado, aínda que, por suposto, non cometera falta ningunha; pero eu coñezo os homes bastante ben para saber que, cando aqueles dous descubrisen que lle deran a un vagabundo un billete dun millón de libras crendo que era un dunha libra se volverían tolos de furia contra el en lugar de queixarse da súa propia miopía, como realmente deberan facer. Segundo me aproximaba á casa, aquela axitación miña comezou a moderarse, xa que alí estaba todo moi tranquilo, cousa que me fixo experimenta-la completa seguridade de que aínda non descubriran a súa metida de pata. Entón chamei ó timbre, apareceu o mesmo criado e eu pregunteille polos dous cabaleiros.

¾ Marcharon –dixo el co estilo recachado e frío propio da súa ralea.

¾ ¿Marchar? ¿Marchar ónde?

¾ De viaxe.

¾ ¿Pero ónde?

¾ Ó Continente, penso eu.

¾ ¿Ó Continente?

¾ Si, señor.

¾ ¿Pero cómo... que camiño tomaron?

¾ Non lle podo dicir, señor.

¾ ¿Cando regresarán?

¾ Dentro dun mes, iso dixeron.

¾ ¡Un mes! ¡Ouh, isto é terrible! Dáme algunha idea de cómo facerlles chegar un recado. É de extrema importancia.

¾ De verdade que non podo. Non teño nin idea de ónde foron, señor.

¾ Daquela debo falar con algún membro da familia.

¾ A familia tamén está fora, leva meses no estranxeiro... en Exipto e na India, penso.

¾ Escoita, cometeuse un erro enorme, así que estarán de volta antes da noite; ¿diríaslles que estiven aquí e que non deixarei de vir ata que todo quede arranxado, e que non teñen por qué preocuparse?

¾ Diréillelo, se é que volven, pero eu non conto con eles. Dixéronme que vostede estaría aquí en menos duna hora para facer preguntas pero que lle dixese que non hai problema ningún, que volverán a tempo e que o esperarán.

Así que tiven que darme por vencido e marchar. ¡Que enigmático era todo aquilo! Estaba a piques de volverme tolo. Estarían de volta "a tempo". ¿Que querería dicir aquilo? ¡Ouh! Quizais o explicase a carta. Esquecéraa; saqueina e lina. Isto era o que dicía:

"Vostede é un home honrado e intelixente, como calquera pode ver no seu rostro. Nós cremos que vostede é pobre e forasteiro. Neste sobre atopará unha cantidade de diñeiro, deixámoslla durante trinta días sen interese ningún. Preséntese nesta casa cando remate ese prazo, pois apostei cartos por vostede e, se resulto vencedor, poderá elixir calquera emprego que estea da miña man; calquera, isto é, que vostede poida demostrar que coñece e que sexa capaz de desempeñar".

Nin firma, nin dirección, nin data.

Vaia, ¡en que enredo se pode chegar a meter un! Todos vós estades ó corrente dos sucesos cos que se iniciara toda esta historia, pero daquela eu non o estaba. Para min non era máis que un misterio escuro e profundo pois non tiña nin a menor idea de qué xogo se trataba, nin de se querían facerme mal ou un favor; así que me metín nun parque e sentei para tratar de descubrilo e meditar sobre qué era o mellor que podía facer.

Ó cabo dunha hora, os meus razoamentos callaran no xuízo seguinte.

Poida que eses homes teñan boas intencións para comigo e poida que as teñan malas, non hai forma ningunha de determinalo, así que deixémolo correr. Teñen entre mans algún xogo, ou proxecto ou experimento dalgún tipo e non hai maneira de descubrir cal é, deixémolo andar. Fixeron unha aposta sobre min e non existe modo ningún de enxergala, deixémolo ir. Iso determina todo tipo de incógnitas irresolubles mentres que, por outra parte, o resto do asunto é tanxible, sólido, e incluso se podería clasificar e encadrar coa maior das certezas. Se lle pido ó Banco de Inglaterra que deposite o billete entre os haberes do home ó que pertence, farao pois, a diferencia de min, coñéceno; pero preguntaranme cómo foi que me fixen con el, e se lles digo a verdade meteranme no psiquiátrico, como non, e unha mentira farame acabar no cárcere. O mesmo resultaría se intento deposita-lo billete en calquera sitio ou se pido cartos emprestados servíndome del. Teño que carretar esta carga enorme ata que eses dous homes regresen, tanto se me gusta como se non. O billete non me serve para nada, vale tan pouco coma un puñado de cinza e, sen embargo, teño que gardalo e velar por el mentres mendigo para poder vivir. Non podería desfacerme del aínda que o intentase porque nin o honrado cidadán nin o ladrón dos camiños o aceptarían ou lle tocarían por nada deste mundo. Os irmáns están a salvo xa que poden suspende-los pagamentos e o Banco farállelo todo. Pero, mentres tanto, eu teño que soporta-lo sufrimento dun mes sen soldo nin beneficio ningún a menos que axude a gaña-la aposta, sexa cal sexa, e consiga o emprego que me prometeron. Gustaríame poder acadalo, pois os homes da súa categoría teñen nas mans colocacións que pagan a pena.

Empecei a pensar moito naquel emprego e tamén a encherme de esperanzas, pois non había dúbida ningunha de que o meu salario sería considerable. Daría comezo dentro dun mes, período despois do cal todo me debería ir ben. De seguida empecei a sentirme estupendamente. Por entón xa estaba vagando de novo polas rúas e, ó ver unha xastrería, entráronme unhas ansias moi fortes de desprenderme dos meus farrapos e de vestirme outra vez decentemente. ¿Podería permitirmo? Non, non tiña outra cousa neste mundo que un millón de libras. Así que obrigueime a min mesmo a pasar sen determe; pero pronto me deixei levar de volta; a tentación acosábame cruelmente. Durante o tempo que durou aquela valente loita debín pasar alomenos seis veces dun lado para outro por diante da tenda. Ó final deime por vencido, tiven que facelo, e preguntei se por casualidade non terían por alí algún traxe defectuoso. O individuo co que falei moveu a cabeza cara a outro suxeito e non me respondeu. Dirixinme cara ó tipo que me indicara e este, á súa vez, sinaloume outro coa cabeza e sen articular tampouco palabra ningunha. Fun cara a el, e díxome:

¾ Agora o atendo.

Esperei ata que rematou co que estaba a facer e logo levoume a un cuarto traseiro, alí examinou un montón de traxes defectuosos e escolleu o máis horrible de todos; púxeno; non me sentaba ben e non era nada bonito, pero como era novo e eu devecía por el, non lle puxen pero ningún senón que dixen con certa timidez:

¾ Faríame vostede un favor se puidese esperar uns días polos cartos, pois non levo nada solto comigo.

O suxeito puxo unha expresión de desconcerto do máis sarcástica e dixo:

¾ Ouh, ¿non me diga? Ben, claro, non contaba con iso. Non dou máis que por suposto que son os cabaleiros coma vostede os que levan os billetes grandes.

Entón eu ofendinme e dixen:

¾ Amigo meu, non debería vostede xulgar sempre a un estraño pola roupa que leva posta. Pódolle pagar perfectamente este traxe, o que ocorre é que simplemente non quixen causarlle a molestia de ter que cambiar un billete grande.

Acto seguido modificou os seus modos unha miguiña e, aínda con certo serenidade, contestou:

¾ Non o dixen con mala intención pero mentres haxa reprimendas eu diría que o seu caso non é precisamente para saca-la conclusión de que non podemos cambiar ningún billete que vostede poida levar, por casualidade, consigo. Así que, polo contrario, si que podemos.

Entón deille o billete e dixen:

¾ Ouh, vaia; preséntolle as miñas desculpas.

Recibiuno cun sorriso, un deses sorrisos grandes que se estende por todas partes e que ten engurras, e pregamentos, e espirais e que se parece á parte dunha poza na que un acaba de guindar un ladrillo. E logo xusto cando lle botaba unha ollada ó billete, aquel sorriso de seu xeouse por completo e volveuse amarelo, parecía un deses abanicos ondulados e verminosos que forman as larvas e que se atopan solidificados en niveis baixos ó lado do Vesubio. Nunca antes vira un sorriso coma aquel, tan longo. O home quedou alí parado, agarrando o billete e daquela maneira; o propietario, pola súa parte, deuse présa para ver qué era o que sucedía e dixo enerxicamente:

¾ Ben, ¿que é o que pasa?, ¿cal é o problema?, ¿que falta?

Eu díxenlle :

¾ Non hai problema ningún. Estou esperando polas voltas.

¾ Veña, veña; vaille polo cambio, Tod; tráelle o cambio.

¾ ¡Traerlle o cambio! –replicou Tod–, é doado dicilo, señor, pero mire vostede mesmo o billete.

O propietario ollouno e botou un berro baixiño e elocuente, a continuación abalanzouse sobre a roupa defectuosa e comezou a collela dun lado e doutro sen deixar de falar con entusiasmo e coma se fose consigo mesmo:

¾ ¡Venderlle a un excéntrico millonario un traxe tan incualificable coma este! Tod é parvo... parvo de nacemento. Sempre está a facer cousas coma esta; escorrenta a tódolos millonarios porque non é quen de distinguir un millonario dun vagabundo e nunca o será. Ah, aquí está o que andaba a buscar. Por favor, quite esas vestiduras, señor, e bóteas no lume. Fágame o favor de poñer esta camisa e este traxe; é precisamente o traxe, o mesmiño traxe... sinxelo, custoso, modesto e coa elegancia propia dun ducado, feito por encargo dun príncipe estranxeiro; poida que vostede o coñeza, señor, a súa Serenísima Alteza o Hospodar de Halifax, que nolo deixou quedar e levou no seu lugar un traxe de loito porque a súa nai estaba a piques de morrer... cousa que finalmente non fixo. Pero non hai problema; non sempre ocorren as cousas como nós... é dicir, como elas... ¡vaia! Os pantalóns están ben, acáenlle de marabilla, señor, agora o chaleco; ¡ahá, tamén ben!, agora a americana... ¡señor! ¡mire agora! Perfecto... ¡o traxe enteiro! ¡Con toda a experiencia que teño aínda non vin nunca outro acerto coma este!

Eu tamén expresei a miña satisfacción.

¾ De acordo, señor, de acordo; servirá provisionalmente, debo dicilo. Pero espere a ver cómo llo axustaremos ás súas propias medidas. Veña, Tod, papel e lapis, apunta: longo da perna 81 cm, etc. Antes de que puidese ser quen de dicir unha palabra xa me tomara as medidas e estaba a pedi-los traxes de etiqueta, os traxes de loito, camisas, e toda clase de prendas. Cando tiven unha oportunidade dixen:

¾ Pero, moi señor meu, eu non podo facerlles eses encargos a menos que vostede poida esperar indefinidamente ou me cambie o billete.

¾ ¡Indefinidamente! Esa non é a palabra adecuada, señor, élle unha palabra errónea. Eternamente... esa si que é a palabra, señor. Tod, prepara rápido isto e envíao ó enderezo do cabaleiro sen perda de tempo. Deixa que os pequenos clientes esperen, ti anota o enderezo do cabaleiro e...

¾ Estou a cambiar de domicilio, así que virei en calquera momento e deixarei o novo enderezo.

¾ De acordo, señor, de acordo. Un momento... deixe que o acompañe ata á porta, señor. Vaia, que teña un bo día, señor, bo día.

Pois ben, ¿non vedes entón o que, por forza, tiña que ocorrer? Con naturalidade e sen rumbo fixo, ía mercar todo aquilo que se me antollaba e pedi-las voltas e, en menos dunha semana, xa estaba eu suntuosamente provisto de tódalas comodidades e luxos precisos e aloxábame nun hotel caro e reservado de Hanover Square. Alí facía as comidas pero á hora do almorzo seguía fiel ó humilde restaurante de Harris, onde comera a primeira vez a conta do meu billete dun millón de libras. En realidade eu fun o causante do éxito de Harris, pois espallárase por todo o país a nova de que o excéntrico forasteiro que levaba no peto do chaleco billetes dun millón de libras era o dono do local; con aquilo foi suficiente, e de ser unha empresiña precaria, pobre e pouco recoñecida, pasara a ser famosa e a estar chea de clientes. Harris estaba tan agradecido que me obrigou a aceptar empréstitos ó custe que sexa, e así que, pobre como eu era, tiña cartos para gastar e estaba a vivir coma os ricos e os grandes. Pensaba que logo se produciría un estoupido, pero daquela estaba metido no asunto ata o pescozo e tería que saír a nado ou, do contrario, afogar. Xa vedes que había xustamente ese factor de desastre inminente para darlle un aspecto serio, un aspecto sobrio, si, un aspecto tráxico a un estado de cousas que, doutro xeito, tería sido completamente absurdo. Polas noites, coa escuridade, o tráxico sempre aparecía en primeiro plano, advertindo sempre e sempre ameazando; e deste xeito, eu queixábame e daba voltas na cama e, así mesmo, conciliaba o sono con dificultade. Pero coa luz alegre do día este elemento tráxico desvanecíase e desaparecía, e eu non cabía en min de alegría, e poderíase incluso dicir que estaba feliz ata o punto de sentir vertixe e embriaguez.

E era normal, posto que me convertera nunha das celebridades das metrópoles do mundo, cousa que me envaidecía non só un pouco senón moito. Non seriades quen de coller un periódico inglés, escocés ou irlandés, sen atopardes unha ou máis alusións ó "home que levaba un millón de libras no peto do chaleco" e ás súas últimas actuacións e ditos. Ó principio, nestas alusións atopábame eu ó final da crónica de sociedade; pero logo xa empecei a figurar por riba dos cabaleiros, despois por riba dos baronetes, máis tarde por derriba dos baróns, etc., etc., subindo continuamente ó tempo que aumentaba a miña celebridade, ata que alcancei a maior altitude posible e alí quedei avantaxando a tódolos duques de sangue non real e a tódolos eclesiásticos, con excepción do primado de toda Inglaterra. Pero coidado, isto non era fama, ata o de agora só conseguira celebridade. Logo chegou o que foi o golpe culminante, o galardón, por así dicilo, que nun só momento transmutou o refugallo perecedoiro da notoriedade no perdurable ouro da fama: ¡Punch caricaturizoume! Si, eu era un home feito e dereito, o meu lugar quedara establecido. Poida que aínda me tomasen a broma pero, iso si, con reverencia, nin á lixeira, nin ofensivamente. Poida que sorrisen comigo, pero non que risen de min, posto que o tempo de facelo xa pasara. Punch caricaturizoume axitado, cos farrapos, preguntándolle a un alabardeiro pola Torre de Londres. Ben, podedes imaxinar o que lle ocorre a un suxeito novo ó que nunca antes se lle prestou atención e que agora, de repente, non pode dicir nin unha cousa soa que non se recolla e non se repita en tódalas partes; non pode saír da casa sen oír constantemente o seguinte comentario pasando de boca en boca: "Velo aí vai, ¡é el!"; non pode toma-lo almorzo sen unha multitude que olle para el; non pode aparecer nun palco da ópera sen reunir nel o ardor de miles de impertinentes. Vaia, que rebordaba de esplendor durante todo o día; e velaí o tedes.

Xa vedes, sempre gardei o meu vello traxe de farrapos e, de vez en cando, aparecía con el para darme a vella satisfacción de comprar bagatelas e verme aldraxado, e logo deixar sen sentido ó autor da mofa co billete do millón de libras. Pero non puiden continuar a facelo, pois as revistas gráficas fixeron o traxe tan coñecido que cando saía con el de seguida me recoñecían e seguíame unha multitude; e se intentaba mercar algo, o home ofreceríame a tenda enteira ó fiado denantes de que sacase o billete.

Cando xa levaba dez días, aproximadamente, de fama, fun cumpri-lo meu deber coa miña bandeira presentándolle, así, os meus respectos ó embaixador estadounidense. Recibiume co entusiasmo habitual polo meu caso e reprendeume por cumprir coa miña obriga con tanta tardanza; dixo que só había unha forma de consegui-lo seu perdón, e era ocupando o asento que, por mor da indisposición dun dos seus convidados, quedara libre na cea que daría aquela noite. Díxenlle que iría, e entón empezamos a parolar. Resultou que el e mailo meu pai foran compañeiros de escola na súa mocidade e, posteriormente, os dous estudiantes de Yale; sempre amigos sinceros ata que o meu pai morreu. Así que entón insistiume en que pasase na súa casa todo o tempo que me puidese quedar libre, e eu, como non, estaba disposto a facelo.

De feito, estaba máis que disposto, estaba contento. Cando fose que se producise o estoupido, el sería capaz de rescatarme, dalgún xeito, da destrucción total; non sabía cómo pero era posible que, quizais, a el se lle ocorrese algo. Non podía permitirme abrirlle o meu peito a estas alturas, cousa que debera ter feito con prontitude ó comezo desta miña terrible carreira londiniense. Non, non podía facelo agora. Estaba demasiado metido no asunto, é dicir, demasiado metido no allo para expoñerme a facerlle revelacións a un amigo tan recente, aínda que, da forma que eu enfocaba o asunto, non o vía moi claro máis alá dos meus fociños; porque, veredes, con tódolos empréstitos que eu tiña, vivía con cautela dentro dos meus propios medios, quero dicir, sen excede-lo meu salario. Claro que non podía saber cál ía se-lo meu soldo, pero tiña unha base real e boa de abondo para pensar que se gañaba a aposta ía te-la posibilidade de elixir calquera emprego que estivese nas mans daqueles dous cabaleiros con tal que fose competente para desempeñalo; e por suposto que demostraría ser competente, non tiña dúbida ningunha. E no referente á aposta non estaba preocupado, pois sempre tivera sorte. Agora ben, o meu cálculo do salario oscilaba entre as seiscentas e as mil libras por ano; poñamos, seiscentas o primeiro e logo iría subindo sucesivamente un ano tras outro, ata topar, por méritos demostrados, coa máis alta daquelas cantidades. Naquel momento tan só estaba endebedado polo que se refería ó salario do primeiro ano. Todo o mundo tratara de emprestarme cartos pero eu rexeiteinos case todos baixo un pretexto ou outro; polo que esta débeda só equivalía a trescentas libras do total dos cartos emprestados, e as outras trescentas representaban a miña mantenza e as miñas adquisicións. Eu cría que o salario do segundo ano sería suficiente para poder pasa-lo resto do mes, se é que seguía a ser prudente e aforrador e trataba de ter bo coidado nese respecto. Unha vez que o meu mes rematase e que o meu patrón regresase da súa viaxe, todo me debería ir ben outra vez, posto que de seguida tería que dividi-los soldos dos dous anos, mediante unha asignación, entre os meus acredores e poñerme a traballar rapidamente.

Foi unha cea agradable de catorce comensais. O Duque e a Duquesa de Shoreditch e maila súa filla Lady Anne-Grace-Eleanor-Celeste-etcétera-etcétera-de-Bohun; o Conde e a Condesa de Newgate; o Vizconde Cheapside; Lord e Lady Blatherskite; algunhas persoas sen título ningún de ámbolos dous sexos; o embaixador, a súa muller e maila súa filla, e unha amiga desta, que se atopaba de visita. Esta era unha rapaza inglesa de vintedous anos que se chamaba Portia Langham, e da cal me namorei en menos de dous minutos, e ela tamén de min... podía percibilo sen a necesidade de gafas. Aínda había outro invitado máis, un estadounidense... pero vou un chisquiño adiantado contando a miña historia. Mentres a xente aínda estaba no salón humedecendo a gorxa denantes da cea e pasándolles revista ós últimos invitados en chegar, o criado anunciou:

¾ O señor Hastings.

No momento en que as cortesías habituais acabaron, Hastings acertou a verme por casualidade e veu directo cara a min coa man estendida afectuosamente; entón, cando estaba a piques de estreita-la miña, detívose bruscamente e, coa mirada desazoada, dixo:

¾ Pídolle desculpas, señor, pensei que o coñecía.

¾ ¡Manda truco! Claro que me coñeces, vello amigo.

¾ Non. ¿Es ti o... o...?

¾ ¿O monstro do famoso peto do chaleco? Sono, claro que si. Non teñas medo de chamarme polo alcume; xa estou acostumado a el.

¾ Vaia, vaia, vaia, isto si que é unha sorpresa. Nunha ocasión ou dúas vin o teu nome xunto co alcume, pero nunca se me ocorreu que ti puideses se-lo Henry Adams ó que facía referencia. Vaia, non pasaron aínda seis meses dende que traballaches como secretario para Blake Hopkins, en San Francisco, a cambio dun soldo, pasando as noites en vela para gañar uns cartos extra, axudándome a arranxar e comproba-la documentación e as estatísticas da prórroga de Gould e Curry. A idea de que esteas aquí en Londres e sexas un gran millonario, ¡e unha celebridade colosal...! Vaia, é o regreso das Mil e Unha Noites. Home, é que non che son capaz de entendelo no máis mínimo, non o comprendo; dáme tempo para que asente a marañada que teño na cabeza.

¾ O certo é que, Lloyd, non estás peor ca min. Eu mesmo tampouco son quen de entendelo.

¾ ¡Meu Deus! Éche asombroso, ¿ou acaso non? ¡Manda truco! hoxe fai xustamente tres meses que fomos ó restaurante do Mineiro.

¾ Non; ó "Qué Tal".

¾ Exacto, foi o "Qué Tal"; fomos ás dúas da mañá e tomamos un filete e un café despois de traballar duramente durante seis horas naqueles documentos da Prórroga, e eu intentei convencerte para que viñeses a Londres comigo, e ofrecinme a conseguirche o permiso de excedencia, e a pagarche tódolos gastos e darche unha parte no caso de que lograse efectua-la venda; e ti non quixeches escoitarme, dixeches que non o conseguiría, que non podías permitirte perde-la marcha dos negocios, pois non habería tempo de abondo para acabar de collerlle novamente o tino unha vez que volveses á casa. E sen embargo aquí estás. ¡Que estraño resulta todo! ¿Como é que, a pesar de todo, viñeches, e que foi o qué che axudou de forma tan incrible a emprende-lo voo?

¾ Ouh, só unha casualidade. Éche unha longa historia... unha novela, calquera o podería dicir. Contareicho todo, pero non agora.

¾ ¿Cando?

¾ Ó final deste mes.

¾ Faltan máis de quince días; éche demasiada presión para a curiosidade de calquera. Poñamos... dentro duna semana

¾ Non podo. Xa saberás por qué co tempo. ¿Pero que tal che vai o negocio?

A súa alegría desapareceu nun sopro, e dixo cun suspiro:

¾ Fuches un auténtico profeta, Hal, un verdadeiro profeta; oxalá non viñese. Non quero falar diso.

¾ Pero debes facelo. Tes que vir e quedar comigo esta noite cando marchemos de aquí, e contarme todo sobre o asunto.

¾ Ouh, ¿de verdade?, ¿dilo en serio? –e as bágoas afloraron nos seu ollos.

¾ Si; quero escoita-la historia completa, palabra por palabra.

¾ ¡Estou tan agradecido! tan só por volver atopar interese, na voz e na mirada de alguén, tanto por min coma polos meus asuntos, tras dos cales cheguei ata aquí... ¡señor! ¡Por iso sería capaz de poñerme de xeonllos!

Apertoume a man con forza e recobrou o ánimo e, despois, repúxose de todo e animouse para a cea, a cal non se levou a cabo. Non, pois ocorreu o habitual, o que sempre pasa nese sistema inglés vicioso e irritante; non se puido chegar a un acordo sobre a cuestión das prioridades e, por tanto, non houbo cea. Os ingleses sempre cean antes de saír a cear, pois saben ó que se arriscan; mais ninguén llelo advirte xamais ós estranxeiros e así é que estes acaban caendo na trampa con toda tranquilidade. Claro que ninguén se ofendeu desta vez, porque xa todos cearamos ó non ser ningún de nós novo nisto a excepción de Hastings, e a el xa o avisara o embaixador, cando o invitou, de que por deferencia ó costume inglés non dispuxera cea ningunha. Todos colleron unha dama e baixaron en procesión cara ó comedor posto que o normal é face-las cousas na súa debida forma; pero, niso, comezou a discusión. O Duque de Shoreditch quixo toma-la dianteira e sentar na cabeza da mesa, pois sostiña que era superior a un embaixador que simplemente representa unha nación sen se-lo monarca; mais eu defendín os meus dereitos e negueime a ceder. Na crónica de sociedade eu avantaxaba a tódolos duques de sangue non real, e díxenllo deste modo e esixinlle, ademais, a prioridade. Por suposto que non chegamos a un acordo, a pesar de que o podiamos debater, cousa que fixemos, e de que, ó final (de forma imprudente) el intentase apelar á súa orixe e antigüidade e de que eu o "vise" erixirse en Vencedor e equipararse con Adán, de quen eu era descendente directo, como quedaba demostrado polo meu nome, mentres que el só pertencía a unha ramificación colateral, como demostraban o seu e maila súa recente orixe normanda. Así que todos retrocedemos novamente en procesión ata o salón e tomamos unha cea fría: un prato de sardiñas e unha fresa, e un tiña que agruparse, permanecer alí de pé e comelo. Aquí a relixión das prioridades non é tan ríxida, as dúas persoas de maior dignidade lanzan ó aira un xilín, a que gaña é a primeira en proba-la súa fresa e a que perde colle o xilín. Logo, as dúas que lles seguen lanzan a moeda, e despois as dúas seguintes, e así sucesivamente. Despois do refrixerio trouxeron as mesas e todos xogamos ás cartas (ó cribbage), apostando seis peniques por partida. Os ingleses nunca xogan a nada por diversión, se non son quen de gañar ou perder nada... dálles igual o que sexa, non xogan.

Pasámolo moi ben, con toda certeza dous de nós. A señorita Langham e mais eu. Tíñame tan enfeitizado que non daba feito o reconto das miñas xogadas, se estas superaban unha serie dobre; e cando caía na casa de refuxio nunca o descubría e iniciaba novamente a ringleira exterior e perdía o xogo; só a rapaza facía o mesmo, pois estaba nas mesmas condicións ca min, xa vedes; e por conseguinte ningún de nós se retirou do xogo en ningún momento, nin quixo saber por qué non o fixera; tan só tiñamos consciencia de que eramos felices e non desexabamos saber nada máis, nin queriamos que nos interrompesen. E eu díxenlle, como non, díxenlle que a amaba; e ela... ben, ela ruborizouse tanto que se lle arroibou o pelo, pero gustoulle e así o dixo, si. Ouh, ¡nunca antes existiu outra tarde coma aquela! Cada vez que movía a ficha dicíalle algo coa mirada, e cada vez que ela xogaba acusaba o seu recibo, contando as mans do mesmo xeito. Vaia, eu non era quen de dicir nin sequera: "dous tantos para o que reparte", sen agregar: "¡manda truco, que doce es!", e ela diría: "quince fan dúas, quince fan catro, quince fan seis, e un par son oito, e oito son dezaseis... ¿ti cres?", mirando furtivamente a través das súas pestanas, xa sabedes, tan doce e tan linda como era ela. ¡Ouh, aquilo era demasiado!

Vaia, fun totalmente sincero e honrado con ela, díxenlle que non tiña nin un can nesta vida máis có billete do millón de libras do que tanto tería oído falar, e nin sequera era meu. Aquilo espertou a súa curiosidade, entón eu falei baixiño e conteille a historia completa dende o principio, e ela case morre coa risa. Eu non entendía qué demo podería ser aquilo que ela atopaba tan gracioso, pero alí estaba e, cada medio minuto algún detalle novo chamáballe a atención e eu tiña que dete-lo meu relato un minuto e medio enteiro para que puidese calmarse. Vaia, toleaba coa risa, en verdade que si; nunca vin nada igual, quero dicir que nunca antes vira que unha historia dolorosa, unha historia sobre as desventuras e preocupacións dunha persoa, puidese producir aquel tipo de efecto. E deste modo, ó ver que podía estar de tan bo humor cando non había motivo ningún para estalo, aínda a amaba máis porque, probablemente, pronto necesitaría unha esposa así, xa sabedes, pola forma na que se presentaban as cousas. Por suposto, díxenlle que teriamos que esperar un par de anos ata que eu puidese percibi-lo meu soldo, pero a ela dáballe igual, o único que esperaba era que fose tan prudente como puidese no referente ós gastos, e que non permitise que estes nos fixesen corre-lo mínimo risco de socava-lo noso soldo do terceiro ano. Entón empezou a preocuparse un chisco e preguntábase se non estariamos a cometer ningún erro, se non estariamos a imaxina-lo salario do primeiro ano máis elevado do que eu o percibiría. Aquilo era asisado e fíxome sentir un pouquiño menos seguro do que o estivera anteriormente, pero deume unha boa idea comercial que, de seguro, levei á práctica.

―Portia, meu amor, ¿importaríache vir comigo ese día, cando me presente ante eses vellos cabaleiros?

Vacilou un pouco, mais dixo:

―Noon, se o feito de estar contigo servise para darche ánimos. Pero... ¿sería apropiado...? ¿Ti cres?

―Non, non creo que o sexa... a verdade, sospeito que non; pero, hai tantas cousas que dependen diso que...

―Entón, irei de todas formas, tanto se é adecuado coma se non o é –dixo ela, chea dun entusiasmo fermoso e espléndido– ¡Ouh, sentireime tan ditosa de pensar que sirvo de axuda!

―¿De axuda, meu ben? Vaia, ti fara-lo todo. Es tan bonita e tan encantadora e atractiva que, contigo alí, serei quen de xuntar nun montón o noso soldo ata arruinar eses bos e vellos irmáns, os cales non terán valor de opoñerse.

¡Arre demo! deberiades ter visto como asomou nela a ledicia e ¡como resplandeceron os seus felices ollos!

―¡Malvado adulador! Non hai nin unha soa palabra de verdade en todo o que dis, pero aínda así irei contigo. Quizais poida ensinarche a non contar con que outras persoas ollen as cousas cos mesmos ollos ca ti.

―¿Desvanecéronse entón as miñas dúbidas? ¿Restableceuse a miña confianza? Quizais poidades xulgalo vós mesmos polo feito seguinte: en segredo, elevara de inmediato o soldo do primeiro ano ata as mil duascentas libras, mais non llo dixen, gardeino para min para darlle unha sorpresa.

Durante todo o camiño de volta á casa fun nas nubes. Hastings ía falando e eu sen oírlle nin unha soa palabra; pero, cando entramos no salón, fíxome espertar cos seus fervorosos eloxios dos meus múltiples luxos e comodidades.

―Deixa que quede aquí un chisquiño ata que me farte de ollar. ¡Meu Deus! Éche un palacio... ¡todo un palacio! E nel hai todo o que calquera puidese desexar, mesmo o acolledor fogar de carbón e a cea preparada. Henry, isto non só me fai decatarme de todo o rico que es, senón que fai que tamén me decate por completo do pobre que eu son... do pobre que son e do desgraciado, derrotado, vencido e ¡aniquilado que estou!

¡Ó demo con todo aquilo! Aquela forma de falar fíxome estremece-lo corpo enteiro. Asustoume tanto que non fun quen de durmir, e fíxome comprender, así mesmo, que me atopaba sobre unha codia de centímetro e medio situada por derriba dun cráter. Eu non sabía que estivese a soñar... é dicir, durante un chisco non me permitín recoñecelo, pero agora... ¡ouh, ceos! Cheo de débedas, sen tan sequera un can neste mundo, coa felicidade ou o infortunio dunha rapaza encantadora nas miñas mans e sen nada á fronte máis que un soldo que quizais nunca... ouh, ¡nunca se...materializaría! ¡Ouh, ouh, ouh! ¡Estou arruinado sen esperanza ningunha! ¡Nada pode salvarme!

―Henry, ¡as simples minucias que pingolexan dos teus ingresos diarios farían...!

―¡Ouh, os meus ingresos diarios! ¡Veña! Abaixo con este whisky escocés, e arriba ese ánimo. ¡Aquí tes! Ouh, non... tes fame; senta e...

―Nin un bocado o que é por min, non teño ganas. Non podo comer estes días, pero beberei contigo ata que caia. ¡Vamos!

―Un barril tras doutro, ¡estou de acordo contigo! ¿Preparado? ¡Alá imos! Oe, Lloyd, solta a túa historia mentres eu fago fermentar esta bebida.

―¿Que a solte? ¿O que, outra vez?

―¿Outra vez? ¿Que queres dicir con iso?

―¡Manda truco! ¿Refírome a se queres escoitala toda de novo?

―¿Se quero oíla toda outra vez? Isto éche un misterio. Espera, non tomes máis líquido dese, non o necesitas.

―¡Mira! Henry, asústasme. ¿É que non che contei a historia enteira de camiño para aquí?

―¿Ti?

―Si, eu.

―Que me maten se oín unha palabra.

―Henry, este éche un asunto serio, preocúpame. ¿Que tomaches alá, na casa do embaixador?

Entón, todo iso prendeu unha chama en min e confesei coma un home.

―Tomei a rapaza máis simpática do mundo... ¡como a miña prisioneira!

Así que, entón, achegouse de repente, e apertámo-las mans unha e outra vez, e aínda as volvemos apertar ata que nos doeron; e non me culpou por non ter oído nin palabra dunha historia que durara o mesmo que nos levara percorrer cinco quilómetros. Entón, sentou como bo e paciente camarada que era e contouno todo outra vez, o que, sintetizado, equivalía a isto: viñera a Inglaterra detrás do que, segundo el, sería unha grande oportunidade; tiña unha "opción" para vendérlle-la Prórroga Gould e Curry ós seus "localizadores" e quedar con todo o que puidese acadar por riba do millón de dólares. Traballara arduamente, tocara tódolos resortes que coñecía e non lle quedara nin un só recurso honrado por probar, mais non fora quen de atopar nin un só capitalista que o escoitase e, dese xeito, o prazo da súa opción venceu, forzosamente, á fin do mes. Nunha palabra, estaba arruinado. Entón púxose en pé dun brinco e berrou:

―¡Henry, ti podes axudarme! Ti podes salvarme, e e-lo único home de todo o universo que pode. ¿Faralo? ¿non si?

―Dime cómo. Fala claro, rapaz.

―Dáme un millón e a pasaxe de volta a casa para que vaia busca-la miña "opción"! ¡Non, non te me negues!

Eu estaba sumido nunha especie de angustia, e estaba a piques de saltar con estas palabras: "Lloyd, eu mesmo, aquí onde me ves, son pobre... non teño nin tan sequera un pataco, ¡estouche cheo de débedas!" Pero entón pasoume pola cabeza, escintilante, unha idea flamexante; apertei os dentes e tranquiliceime ata que quedei tan frío coma un capitalista. Entón, de forma comercial e serena, dixen:

―Salvareite, Lloyd...

―¡Entón xa estou salvado! ¡Deus sexa sempre misericordioso contigo! Se algunha vez eu...

―Déixame rematar, Lloyd. Axudareite, pero non desa maneira, pois iso non sería xusto para ti despois de ter traballado tanto e dos riscos que corriches. A min non me fai falla comprar minas, sen necesidade de facelo podo mante-lo meu capital en movemento nun centro comercial como é Londres e, de feito, isto é ó que me dedico constantemente, mais velaquí o que farei. Dende logo que o sei todo sobre esa mina, son consciente do seu inmenso valor e podo afirmalo con enteira confianza se alguén mo pedise. Has vendela por tres millóns e ó contado en menos de quince días servíndote con total liberdade do meu nome, e logo dividiremos o que obteñas a partes iguais.

Mirade, con aquela tola alegría de seu, tería bailado ata deixar os mobles feitos estelas e esnaquizado todo se non lle fixese a cambadela e o atase.

Entón quedou alí, completamente feliz, dicindo:

―¡Podo usa-lo teu nome! O teu nome... ¡pénsao! Mira, congregaranse en tropel estes ricos londinienses; ¡loitarán por conseguir esas accións! Sonche un home feito e dereito, sempre o serei e ¡nunca te esquecerei mentres viva!

En menos de vintecatro horas, ¡Londres era un fervedoiro! Eu non tiña nada que facer máis que sentar na casa, día tras día, e dicirlles a tódolos contendentes:

―Si, díxenlle que me amentase. Coñezo ese home e coñezo a mina. O seu carácter é irreprochable e a mina vale moito máis do que pide por ela. Mentres tanto eu pasaba tódalas tardes con Portia na casa do embaixador. Non lle dixen nin unha palabra da mina, pois reserveino para darlle unha sorpresa. Falabamos do soldo, nunca de ningunha outra cousa que non fose salario ou amor; unhas veces do amor, outras do salario, e outras do amor e do salario a un tempo. E ¡arre demo! vaia interese que tomaron a muller do embaixador e maila súa filla polos nosos amoríos, e que manchea de inventivas ideaban as dúas para evitar interrompernos, e ocultarllo ó embaixador e que este non sospeitase... vaia, ¡eran tan amables!

Cando por fin rematou o mes tiña un millón de dólares no meu haber no banco londiniense London and County Bank, e Hastings estaba provisto de igual maneira. Vestido o mellor que puiden, pasei en carruaxe pola casa de Portland Place pois, a xulgar polo aspecto das cousas, os meus paxaros estaban de volta na casa; entón dirixinme á casa do embaixador, recollín a miña amada e emprendémo-lo camiño de volta falando do salario con tódalas nosas forzas. A emoción e as ansias embargábana de tal xeito, que a facían enormemente fermosa. Entón, dixen eu:

―Queridiña, así como estás ti éche un delicto loitarmos por acadar un salario inferior ós tres mil dólares anuais.

―¡Henry, Henry, sera-la nosa ruína!

―Non teñas medo. Ti simplemente conserva ese aspecto e confía en min. Todo sairá ben.

Así que, como resultou ser, tiven que ir dándolle ánimos durante todo o camiño. E ela foi suplicándome, e dicindo:

―Ouh, por favor, lembra que se pedimos moito poida que non recibamos salario ningún; ¿e entón que será de nós, sen medio posible neste mundo de gañármo-la vida?

Fíxonos pasar o mesmo criado, e alí estaban eles, os dous vellos cabaleiros. Como non, sorprendéronse de ver comigo aquela criatura marabillosa, pero eu díxenlles:

―Vai todo ben, cabaleiros; é o meu futuro apoio e esposa.

E presenteillos e chameilles polo nome. Non os sorprendeu, pois eran conscientes de que eu era o suficientemente listo para consulta-la guía. Fixéronnos sentar, e foron moi educados comigo, e preocupáronse de librala a ela da necesidade de sentirse molesta, así que fixeron canto puideron para que se sentise cómoda. Entón, dixen eu:

―Cabaleiros, estou listo para informalos.

―Alegrámonos de sabelo –dixo o meu home– porque agora podemos resolve-la aposta que o meu irmán Abel e mais eu fixemos. Se vostede me converteu en vencedor poderá conseguir calquera emprego que estea nas miñas mans. ¿Ten vostede o billete do millón de libras?

―Aquí está, señor –e entregueillo.

―¡Gañei! –berrou el e deulle unha palmadiña nas costas a Abel–. Agora ben, ¿que dis, irmán?

―Digo que en verdade sobreviviu e que perdín vinte mil libras. Eu... nunca o imaxinaría.

―Teño outra nova que darlles –dixen eu–, unha nova bastante extensa. Quero que me permitan vir pronto e referirlles con detalle a miña historia de todo o mes; prométolles que paga a pena escoitala. Mentres tanto bótenlle unha ollada a isto.

―¡Como pode ser, home! Certificado de depósito de duascentas mil libras. ¿É iso seu?

―Meu. Gañeino servíndome prudentemente, durante trinta días, do préstamo que vostedes me fixeron. E o único uso que fixen del foi para mercar pequeneces e ofrece-lo billete a cambio.

―¡Vaia, isto é asombroso! ¡Home, é incrible!

―Non se preocupe, demostrareillo. Non pense que as miñas palabras carecen de base firme.

Mais agora a actitude de Portia tornouse en sorpresa. Tiña os ollos abertos coma pratos, e dixo:

―Henry, ¿é este diñeiro realmente teu? ¿Estiveches a dicirme mentiras?

―En realidade, si, meu ben. Pero perdoarasme, seino.

Ela puxo mala cara, un tanto maliciosa, e dixo:

―Non esteas tan seguro. ¡Es moi malo ó enganarme dese xeito!

―Ouh, comprenderalo, meu amor, comprenderalo; mira, foi só unha broma. Veña, marchemos.

―¡Pero espere, espere! O emprego, xa sabe. Quero darlle o emprego –dixo o home.

―Ben –dixen eu–, estou todo o agradecido que podería estalo pero, en verdade, non quero ningún.

―Pero vostede poderá consegui-lo máis escollido de tódolos que estean ó meu alcance.

―Gracias de novo de todo corazón, pero non quero nin tan sequera ese.

―Henry, dásme vergoña. Non agradeces nin de lonxe o que este cabaleiro fixo por ti. ¿Déixasme que o faga eu no teu lugar?

―Claro que si, meu ben, se é que podes facelo mellor. Vexamos como o fas.

Dirixiuse entón ó home, sentou no seu colo, púxolle o brazo ó redor do pescozo e bicouno con agarimo. Daquela os dous vellos cabaleiros riron a grandes gargalladas e eu quedei mudo do asombro, poderíase dicir que totalmente petrificado. Portia dixo:

―Papá, dixo que non tes ó teu alcance ningunha colocación que el poida querer, e eu síntome tan ofendida como...

―Meu ben, ¿é este o teu pai?

―Si; é o meu padrasto e o máis doce que nunca existiu. ¿Entendes agora por qué fun capaz de rir cando ti me contaches na casa do embaixador, sen saber do meu parentesco, os desgustos e os problemas que che estaba a causar o proxecto do meu papaíño e mais do meu tío Abel? ¿non si?

Esta vez falei, como non, con total franqueza, sen broma ningunha, e fun directamente ó gran.

―Ouh, bo señor onde os haxa. Quero retira-lo que dixen. Vostede si que ten un posible posto que eu quero.

―Pídao.

―O de xenro.

―¡Vaia, vaia, vaia! Pero vostede sabe que, se nunca antes desempeñou ese cargo, non pode proverse co que a penas se poden chamar recomendacións para satisface-las condicións do contrato, e así...

―Póñame a proba... ouh, fágao, ¡suplícollo! Tan só póñame a proba durante trinta ou corenta anos, e se...

―Ouh, ben, de acordo; entón só queda unha cousa que pedir: lévaa contigo.

¿Felices nó-los dous? Non hai palabras de abondo nos diccionarios que poidan describilo por completo. E cando, un día ou dous despois, se soubo a historia enteira acerca das aventuras que vivín durante aquel mes con aquel billete e de cómo remataron, ¿é que Londres non falou nin se divertiu? Si.

O papaíño da miña Portia levou de volta aquel billete amigo e hospitalario ó Banco de Inglaterra e cambiouno; despois, o banco cancelouno e regaloullo, e el déunolo a nós no noso casamento. Sempre estivo pendurado no seu marco no que, dende entón, foi o lugar máis sagrado da nosa casa, xa que foi el quen me deu á miña Portia. De non ser por el non ficaría en Londres, non aparecería pola casa do embaixador e nunca a atoparía. Así que sempre digo: " Si, é un billete dun millón, como poden ver, pero non fixo máis que unha compra en toda a súa vida e, daquela, adquiriu o artigo por só unha décima parte, aproximadamente, do seu valor.




Lección / Moraleja:
Por editar
OTROS CUENTOS DE Mark Twain
  • No hay más cuentos de este artista.
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros