Añadir esta página a favoritos

CUENTOS CLáSICOS
CUENTO O COMETA (por Hans Christian Andersen )
E chegou o cometa, brillando co seu núcleo aceso e ameazando co seu feixe de lume. Fitábano desde o rico pazo e desde a casa pobre, contemplábao a multitude da rúa e o home senlleiro que atravesaba o descampado intransitable; tíñano todos no seu pensamento.

—¡Vide ve-lo sinal do ceo! ¡Vide ver esta visión marabillosa –dicían, e todo o mundo se apresuraba a velo.

Mais no salón dunha casa estaba un neno sentado coa súa nai. Había unha candea de sebo acesa, e a nai decatouse de que había cravada na candea unha labra de madeira. O sebo erguíase e encrechábase, o que significaba, cría ela, que o neno morrería axiña, xa que o sinalaba a labra.

Era unha vella superstición que ela cría.

En realidade, o neno ía vivir moitos anos na Terra, vivir para ve-lo cometa cando, despois de máis de sesenta anos, volvese aparecer.

O neno non vía a labra na candea, nin pensaba no cometa que brillaba no ceo por primeira vez na súa vida. Estaba sentado diante dunha cunca lañada na que había auga de xabrón batida. Na auga introducía a cabeza dunha pequena pipa de barro, poñía o bocal na boca e facía pompas de xabrón, pequenas e grandes, que tremían e flotaban no aire amosando unhas cores preciosas que ían da amarela á vermella, da lila á azul para logo viraren verdes coma as follas do bosque cando son atravesadas polos raios do sol.

—¡Que Deus che conceda tantos anos de vida sobre a Terra como pompas sopres!

—¡Moitos, moitísimos –dixo o pequeño–. ¡A auga de xabrón non remata nunca! –e o pequeno facía unha pompa tras doutra.

—¡Alí vai un ano, alí vai outro ano, mira cómo voan! –dicía con cada pompa que saía e voaba.

Un par destas entráronlle directamente nos ollos, que lle proían, e ardían, e corréronlle as bágoas. En cada pompa vía unha visión do seu futuro, brillante e relucente.

—¡Agora pódese ve-lo cometa! –berraron os veciños–. Saíde, non fiquedes aí dentro!

E a nai colleu o pequeno da man. El tivo que deixa-la pipa de barro e solta-lo xoguete das pompas de xabrón. O cometa estaba alí.

O pequeno viu a luminosa bóla de lume coa refulxente cola. Algúns dixeron que parecía ter tres brazos de longo, outros que medía un millón de brazos; a xente ten diferentes xeitos de ve-las cousas.

—¡Os nosos fillos e os netos poida que morran antes de que volva aparecer! –dicía a xente.

Os máis dos que tal dixeron, de feito morreran e desapareceran cando se volveu ve-lo cometa, pero o neniño ó que sinalaba a labra na candea e do que a nai pensaba que morrería axiña, vivía, xa moi vello e co pelo canoso. "¡As canas son as flores da vellez!" di o refrán. El tiña moitas flores e agora era un vello mestre de escola.

Os alumnos dicían que era moi listo, que sabía moitísimo, sabía historia, xeografía e todo o coñecido sobre os corpos celestes.

—¡Todo se repite! –dicía–. Só hai que reparar nas persoas e nos acontecementos, e veredes que sempre volven aparecer con outro aspecto noutro país.

E o mestre de escola contóulle-la historia de Guillermo Tell que tivo que disparar a unha mazá colocada na cabeza do seu fillo, aínda que antes de lanza-la frecha agochou outra no seu peito, esta destinada a atravesa-lo peito do malvado Gessler. Esta historia ocorreu en Suíza pero moitos anos antes en Dinamarca pasoulle o mesmo a Palnatoke, el tamén tivo que lanzar unha frecha á mazá colocada na cabeza do seu fillo e, do mesmo xeito que Tell, agachou outra frecha coa que vingarse. E máis de mil anos atrás, recóllese a mesma historia en Exipto. Todo se repite, igual cós cometas: viaxan polo ceo, desaparecen e volven aparecer.

E contoulles moitas cousas sobre o cometa que estaban agardando, o mesmo cometa que el vira de rapaz. O mestre sabía moito sobre os corpos celestes, reflexionaba sobre eles aínda que non por iso se esquecía da historia e a xeografía.

O mestre organizara o seu xardín en forma dun mapa de Dinamarca. As herbas e as flores estaban situadas na rexión do país onde mellor crecían. Dicía "¡Búscame chícharos!" e había que ir á parcela que representaba Lolland. "¡Búscame trigo sarraceno!" e había que ir a Langeland. A saborosa xanzá e o mirto de Brabante atopábanse enriba, en Skagen, e o relucente acivro pola zona de Silkeborg. As cidades estaban indicadas con pedestais. Alí estaba San Canuto co dragón que significaba Odense, Absalon co seu báculo pastoral que indicaba a cidade de Sorø; a barquiña con remos marcaba a cidade de Aarhus. No xardín do mestre de escola chegábase a distinguir ben o mapa de Dinamarca, aínda que primeiro había que instruírse con el, o cal era moi pracenteiro.

Agora agardábase a chegada do cometa e contaba moitas cousas sobre el e sobre o que dixera e opinara a xente nos vellos tempos, a última vez que pasou. "O ano do cometa é un bo ano para os viños," dicía, "pódense augar un pouco sen que se note. Ós comerciantes do viño parece que lles gustan moito os anos do cometa."

O ceo estivo cuberto de nubes durante quince días e quince noites, e non se divisou o cometa aínda que estaba alí.

O vello mestre de escola estaba sentado na súa saliña a carón da aula. No recuncho estaba o reloxo de parede con péndulo da época dos seus pais, os contrapesos de chumbo nin se elevaban nin descendían, o péndulo non se movía; o pequeno cuco que antano saía para canta-las horas desde había moito tempo estaba calado detrás da canceliña pechada; alí todo estaba en silencio, o reloxo xa non funcionaba. Pero o vello piano que estaba ó lado e que tamén era da época dos seus pais, aínda tiña vida, as cordas soaban, aínda que un pouco roucas, tocando as melodías de toda unha vida. Ó vello lembrábanlle moitas cousas, tanto ledas coma tristes, de tódolos anos que transcorreran desde que viu o cometa de pequeno ata agora que volvera. Lembraba o que a súa nai dixera da labra na candea; lembraba as marabillosas pompas de xabrón que soprou, cada unha un ano de vida, dixera daquela ¡que brillantes e cantas cores! Nela viu só felicidade e beleza: os xogos infantís e os praceres da xuventude, todo o vasto mundo ó que el ía saír, aberto á luz do sol. Eran as pompas do porvir. Agora, de vello, sentía como xurdían das cordas do piano as melodías dos tempos pasados: pompas tinxidas da cor das lembranzas que soaban coa voz da súa avoa cantando cando facía labores de punto:

Non foi unha amazona

a que teceu o primeiro calcetín.

E soaban versos que a vella criada lle cantara de rapaz:

Hai moitos perigos

que sufrir neste mundo

para os pequenos rapaciños

que aínda non colleron un rumbo.

Primeiro soaron melodías do seu primeiro, un minueto e un molinasqui; despois soaron tons suaves e melancólicos, e ó vello saltáronlle as bágoas. Agora ruxía unha marcha militar, despois un salmo, logo unhas notas alegres; pompa a pompa, flotaban coma cando de rapaz as sopraba en agua de xabrón.

Mantivo a mirada fixa na fiestra, unha nube marchou deixando ver no claro ceo o cometa co seu núcleo brillante e o seu veo nebuloso cheo de luz.

Parecíalle que fora a noite anterior a última vez que o vira, aínda que a verdade é que transcorrera unha intensa vida entre ese momento e o de agora. Daquela era un neno que vía o futuro nas pompas, agora as pompas mostrábanlle o pasado. Sentiu o ánimo e a fe da súa infancia, os seus ollos relucían, a súa man afundiuse nas teclas, e soou como se rompese unha corda.

—¡Asómese! ¡O cometa está aquí! –oíuse berrar ós veciños–. ¡O ceo está increiblemente despexado! ¡Veña e verao ben!

O vello mestre de escola non contestou porque marchara para velo ben de verdade. A súa alma iniciara un camiño moito máis grandioso, cruzaba un espacio máis vasto có que atravesa o cometa. E volvérono fitar desde o rico pazo e desde a casa pobre, contemplábao a multitude da rúa e o home senlleiro que atravesaba o descampado intransitable. A súa alma foi vista por Deus e polos seres queridos que se foran antes e ós que el anhelaba.




Lección / Moraleja:
Por editar.
OTROS CUENTOS DE Hans Christian Andersen
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros